O pasar por máis de media ducia de colexios fíxome ver ata que punto dispor dunhas instalacións e materiais axeitados repercute na calidade do proceso educativo. Estou seguro que calquera mestre prefire ter recursos materiais suficientes, variados e de calidade a non telos. A discusión sobre a necesidade ou non dos materiais é peregrina. Está claro tamén que dispor deles non asegura nin por casualidade que as sesións que expoñamos aos nosos alumn@s vaian desenvolverse perfectamente e que este feito lles fará aprender como por encantamento, pero son un elemento a favor de considerable peso.
Na maioría de centros de nova construción tívose en conta á área de educación física? Quero dicir que se do mesmo xeito que se prepararon os espazos para unha aula de idiomas, outra de desdobre ou multiusos, a biblioteca e aula de informática, pregúntome se tamén se pensou nun amplo almacén para o material da nosa área, uns vestiarios ou aseos adecuados e de fácil acceso,ximnasios dotados de calefacción, etc. Pola miña experiencia ? creo que non; porque todo é mellorable, sobre todo se ao arquitecto ou proxectista ocorréselle preguntarnos aos mestres que a imos a utilizar.
Con todo nos centros máis antigos a cousa complícase. Se xa de por sí naceron con limitacións, a situación actual (e caben aquí a re-organización interna dos espazos, a deterioración das instalacións, a escasa dotación, a falta de orzamento para novas compras, etc.) fai que mestres e alumnos/as teñamos que armarnos de paciencia para poder gozar das nosas clases: faise difícil educar na hixiene cando o propio aseo é o almacén; promover o coidado dos materiais cando están continuamente á vista -e ao tacto- de quen pase por alí; concienciar do respecto mutuo cando en dous palmos de terreo conviven demasiados alumn@s; etc. Ah! e se chove? O do pavillón cuberto é xa unha utopía.
Como me considero capaz de queixarme e propor solucións ao mesmo tempo van unhas cantas: re-dotar aos centros de novos materiais (polo menos cada dez anos!); reservar unha maior partida orzamentaria do centro para a nosa área (tendo en conta que os materiais son caros e necesitamos un bo número); solicitar ao concello que adoita ser quen xestiona as instalacións, melloras nas mesmas (desde repintar as liñas da pista até construír algún espazo como almacén); recoller materiais que poidan vir a través de promocións de editoriais (recursos audiovisuais, cadernos de traballo, etc.); participar en promocións de institucións (solicitando material para temas transversais: educación viaria, para a saúde, etc.); inscribirnos en actos deportivos ou campañas de organizacións que nos poidan facilitar novos recursos; utilizar calquera dotación municipal que teñamos a man (polideportivo, etc.). En fin, imaxinación ao poder e xa sabedes: o que non chora...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminar