BENVIDA

Ola a tod@s!

Nesta nova aventura na rede, irei reflexando todos aqueles aspectos relacionados co mundo da educación Física .

" Desfrutamos movéndonos" é a primeira pedra dun proxecto onde as novas tecnoloxías estarán presentes nas sesións de Educación Física. Nel, reflexarei as nosas experiencias nas distintas unidades didácticas que traballaremos ao longo do curso, fotografías, vídeos,etc...

Un saúdo e benvidos a " Desfrutamos movéndonos".

miércoles, 10 de marzo de 2021

APRENDE A TRAVÉS DO SURFING


O noso centro forma parte durante este curso do proxecto "Aprende a través do Surfing" que se desenvolve en colaboración coas Federacións Española e Galega de Surfing e o Comité Olímpico Español. Nel están inmersos seis concellos e seis escolas de surfing de Galiza.

Este programa educativo ten entre outros obxectivos, o de ligar o proxecto co desenvolvemento dunha Reserva Local de Surfing e posterior candidatura da Costa da Morte a Reserva Mundial do Surfing.

É un programa a medio e longo prazo que pretende introducir o surfing nas aulas, potenciar a cultura oceánica e a sostenibilidade.

O luns, martes e mércores desta semana, dous monitores de surf, David Blanco( presidente da asociación nacional " Surf and Clean") e  Martín Varela ( director da escola de surf "Boaola"), estiveron desenvolvendo unhas sesións de iniciación ao surfing aos alumnos/as de todos os cursos de Educación Primaria, onde nos transmitiron a súa paixón polo Surfing e todos os valores desta modalidade.

Estas sesións terán continuidade cunhas xornadas de convivencia  na praia de Razo onde os nenos/as terán a oportunidade de desfrutar dun bautismo de surf, coñecer a cultura oceánica  e experimentar todos os valores do surfing.

Quero agradecer a David e Martín, a súa absoluta disponibildade e a maneira de transmitir con tanta ilusión e entusiasmo a súa forma de vida.

Moitas grazas aos dous.
 
Aquí vos deixo algunhas fotos da actividade. 👇

                 
                 APRENDE A TRAVÉS DO SURFING 1º E 2º E.PRIMARIA 


                 APRENDE A TRAVÉS DO SURFING 3º E 4º E.PRIMARIA


                     
 APRENDE A TRAVÉS DO SURFING 5º E 6º E.PRIMARIA 

lunes, 8 de marzo de 2021

OS BAÑOS DO XIMNASIO XA SON UNHA REALIDADE.

Despois de doce anos solicitando a construción duns baños no ximnasio, por fin neste curso, xa son toda unha realidade.

Esta era unha obra prioritaria e necesaria para o alumnado do noso centro, xa que, o ximnasio carecía de baños.

Os novos baños destacan pola súa amplitude, luminosidade e accesibilidade, o que  facilitará o desenvolvemento e aproveitamento das sesións de psicomotricidade e educación física.














martes, 22 de diciembre de 2020

BO NADAL E FELICES FESTAS.



Quero aproveitar estas datas, para desexarvos un bo Nadal e un deportivo 2021.

Boas festas a todos/as!

viernes, 18 de septiembre de 2020

SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE



O Concello de Carballo súmase un ano máis á Semana Europea da Mobilidade, na que participan 2.505 cidades de 47 países. O programa, deseñado pola Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área de Igualdade. 

O contido do programa,  estará marcado polas restricións derivadas da situación sanitaria e polas medidas preventivas pola COVID-19. Por iso en todas as actividades faranse grupos reducidos, respectaranse o uso de máscara, a distancia de seguridade ou, no seu caso, a desinfección dos obxectos que se utilicen. Por primeira vez, ademais, Carballo participará no Día sen Coches, unha iniciativa que se desenvolverá simultaneamente en distintos barrios urbanos, nos que se cortarán rúas para que as ocupen os peóns con xogos e actividades e para visibilizar unha transformación urbana que pouco a pouco vai chegando a toda a vila.

O Día sen Coches coincidirá coa celebración da actividade “Pedaleando pola igualdade”, que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender en marzo. Con esta actividade, na que tamén colabora o Club Ciclista Carballo, trátase de “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”.

A Asociación Ambiental Senda Nova guiará por segundo ano unha ruta pola beira do Anllóns dende a Ponte de Bértoa ata o Muíño da Cheda “para poñer en valor tamén as marxes dos ríos, que son dos poucos lugares que quedan con vexetación autóctona”. 

Íntegro repite colaboración,co " Día da Accesibilidade", que se desenvolverá  o luns 21, ocupando con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Ese mesmo día, pola tarde haberá unha ruta con cadeiras de rodas para “chequear” a accesibilidade da contorna do Fórum.


O programa da Semana Europea da Mobilidade celebrarase dende o 16 ata o 22 de setembro. Tes todos os detalles aquí abaixo.👇


👉PROGRAMA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

viernes, 11 de septiembre de 2020

PROTOCOLO CLASES DE EDUCACIÓN FÍSICA


É sabido por todos/as a situación que estamos a vivir debido á pandemia que convive connosco desde o pasado mes de marzo chamado COVID-19, que nos fixo cambiar moitos hábitos de vida que tiñamos xa moi interiorizados como as relacións persoais, a maneira de compartir, a maneira de xogar, de saír á rúa,… mesmo incorporou novos elementos ao noso día a día como é o uso da mascarilla e a utilización do xel hidroalcohólico para manternos seguros/as e manter seguros aos que nos rodean.

No colexio está a pasarnos o mesmo, tendo que cambiar as rutinas que tiñamos xa aprendidas e sabidas, para adaptarnos á nova situación e poder convivir todos/as dunha maneira segura, saudable e sen medo.

O mesmo ocorre coa área de Educación Física, por iso, deseñei un Protocolo COVID-EF para que as nosas sesións sigan sendo espazos de aprendizaxe a través do movemento, nun espazo seguro como é ao aire libre, gozando e divertíndonos mentres nos afacemos ás novas normas, pois o único que cambia é a maneira de xogar, pero a actividade física é, agora máis que nunca, moi necesaria debido a que durante o confinamento pasamos moito tempo na casa, sen poder saír e temos que recuperar todos eses momentos que nos perdemos.
A continuación móstrovos como intentaremos actuar nas nosas sesións, non é nada definitivo, pois pode sufrir modificacións a medida que vaian sucedendo os días e vaiamos tendo máis información sobre a práctica.

👉 HIXIENE FRECUENTE DE MANS, XA QUE É A PRINCIPAL MEDIDA DE PREVENCIÓN E CONTROL DA INFECCIÓN.

👉 MANTER UN DISTANCIAMENTO FÍSICO DE 1,5 METROS E CANDO NON POIDA GARANTIRSE O MESMO USARANSE MEDIDAS DE PROTECCIÓN AXEITADAS.

👉 USO DE MASCARILLA OBRIGATORIO PARA TODO O ALUMNADO DE 1º A 6º DE E. PRIMARIA.

👉 NON ACUDIR AO CENTRO SE SE ATOPA EN ILLAMENTO, CORENTENA OU PRESENTA SÍNTOMAS COMPATIBLES CO COVID-19.

👉 ESBIRRAREMOS NOS CÓBADOS, EVITANDO TOCAR A CARA.
👉 O QUE CAMBIA É A MANEIRA DE XOGAR!

👉FAREMOS XOGOS INDIVIDUAIS, EN PARELLA E XOGOS QUEBRACABEZAS.

👉 PODEMOS CREAR OS NOSOS PROPIOS SAÚDOS SEN CONTACTO.
👉 A CIRCULACIÓN POLO EDIFICIO DO COLEXIO REALIZARASE POLAS ZONAS HABILITADAS PARA ISO.

👉FORMAREMOS GRUPOS ESTABLES DE CONTACTO DE 4 0 6 ALUMNOS/AS.
👉 PRIMAREMOS OS ESPAZOS AO AIRE LIBRE.

👉 SE QUERO IR AO BAÑO, VOU SÓ, XA QUE SOAMENTE PODE IR UN ALUMNO/A O BAÑO DE MANEIRA SIMULTÁNEA.
👉 UTILIZAREMOS O MATERIAL DE MANEIRA SEGURA.



jueves, 10 de septiembre de 2020

PRESENTACIÓN ASIGNATURA DE EDUCACIÓN FÍSICA CURSO 2020-2021

Este curso  a asignatura de Educación Física vai sufrir modificacións respecto do que viña sendo a “normalidade” para poder cumprir coas medidas de distanciamento social.

Faremos unha serie de rutinas, normas ou protocolos que hai que ter presentes nas nosas sesións e que, aparecen detallados nos arquivos adxuntos de cada curso.

A temporalización e as unidades didácticas programadas pretenden desenvolver e afianzar os contidos propostos no currículum, polo que se adaptarán ás circunstancias actuais, modificando os xogos para que non haxa contacto entre os nenos/as e se respecte, na medida do posible a distancia de seguridade. Utilizaremos o menor material posible e desinfectarase ao finalizar cada sesión. No mes de setembro, centrarémonos na hixiene, a saúde e a seguridade nas   nosas clases.

Algunhas das medidas serán un pouco diferenciadoras con respecto aos cursos pasados, sendo conscientes da dificultade que entraña a nova situación, na asignatura de Educación Física.

Moitas grazas a todos/as pola vosa colaboración.

👉PRESENTACIÓN EDUCACIÓN FÍSICA 1º,2º,3º,E 4º E.PRIMARIA

👉PRESENTACIÓN EDUCACIÓN FÍSICA 5º E 6º E.PRIMARIA