BENVIDA

Ola a tod@s!

Nesta nova aventura na rede, irei reflexando todos aqueles aspectos relacionados co mundo da educación Física .

" Desfrutamos movéndonos" é a primeira pedra dun proxecto onde as novas tecnoloxías estarán presentes nas sesións de Educación Física. Nel, reflexarei as nosas experiencias nas distintas unidades didácticas que traballaremos ao longo do curso, fotografías, vídeos,etc...

Un saúdo e benvidos a " Desfrutamos movéndonos".

martes, 27 de noviembre de 2012

DATAS DAS FASES DE CAMPO A TRAVÉS ESCOLAR


O Servizo de deportes da Provincia de A Coruña confirmou as datas da celebración das distintas fases de Campo a través.

As datas son as seguintes:

  • 18 de Xaneiro de 2013: proba da comarca de Carballo, na zona Industrial de Carballo.
  • 26 de xaneiro/2013: Fase Intercomarcal Zona Coruña.
  • 2 de febreiro/2013: Fase Provincial.
  • 16 de Febreiro/2013: Fase Galega.
  • Marzo de 2013: Campionato de España.

viernes, 23 de noviembre de 2012

RELAXACIÓNS CON MÚSICA

A Educación Física debe contribuír a potenciar nos nosos alumn@s hábitos e costumes saudables, que deben perdurar ao longo da súa vida. Entre estes hábitos estaría o de coidar do seu propio corpo con fins preventivos e hixiénicos.

Coñecer, por tanto, técnicas de relaxación que contribúan ao coidado e prevención de posibles enfermidades convértese nunha estratexia válida para esta finalidade. Saber dedicar ao corpo o tempo que necesita, apreciando os sons que nos rodean e valorando a música como medio de exploración e desfrute, contribuirá a manter o delicado equilibrio entre actividade e relaxación para evitar posibles situacións de estrés.

Malia que os Mestres de Educación Física non somos especialistas en música, debemos considerar todas as posibilidades que poidamos encontrarnos nos centros onde realicemos o noso labor docente, para poder poñer en práctica cos nosos alumn@s este tipo de actividades.



jueves, 22 de noviembre de 2012

DATAS PARA AS FASES DE CAMPO A TRAVÉS


Tras a conversación mantida no día de hoxe co técnico de deportes do concello de Carballo,Manuel Bardanca, pódovos adiantar que posiblemente, as Fases Local e Intercomarcal de campo a través, celebraranse no mes de Xaneiro do próximo ano 2013.

Cando dispoña de máis información sobre as dúas competicións publicareina no blog.

lunes, 12 de noviembre de 2012

GRAN PAPEL DOS NOS@S ATLETAS NA VIII CARREIRA POPULAR DA SILVA

Os  atletas do noso colexio iniciaron a nova tempada de atletismo, realizando un gran papel na VIII Carreira popular " A Silva " que se celebrou o pasado sábado.

Aínda que tod@s estiveron a un gran nivel, hai que destacar  o segundo e terceiro posto de Yonatan Lema e Jonathan Lage na categoría infantil, e o terceiro posto de David Pandelo na categoría benxamín.
Noraboa a tod@s!!!!!


 Esteban, Jonathan Lage, Yonatan Lema e Roi participaron na categoría infantil


 Yonatan Lema e Jonathan Lage remataron na segunda e terceira posición da categoría infantil


David Pandelo rematou na terceira posición da categoría benxamín


María Serra, Kevin Teijeiro e Andrés Lage  tiveron un papel destacado na categoría alevín.

MELLORAS NO XIMNASIO DO COLEXIO

A brigada de obras do concello de Carballo está a realizar unha serie de obras no ximnasio do colexio, coa intención de emendar os problemas de humidade que presenta este.

Dende o departamento de educación física do centro quero agradecer ao Concello de Carballo, e en especial á brigada de obras, o traballo que está a realizar e que permitirá que gocemos dunhas mellores condicións para desenvolver as nosas sesións diarias.

Moitas grazas.
 
 

 
 

jueves, 8 de noviembre de 2012

AS COMPETENCIAS DO PROFESOR DE EDUCACIÓN FÍSICA


 

Esta obra constitúe unha interesante e nova proposta para a mellora da práctica diaria do docente de Educación Física.
 
Os rápidos e constantes cambios na sociedade precisan unha Educación Física eficaz que dea respostas adecuadas ás novas demandas que se lle esixen. Conscientes diso e da importancia que ten a materia para a educación dos escolares, os autores das competencias do profesor de Educación Física presentan as claves para chegar a ser un docente de educación física competente.

A obra recolle, desde unha ampla perspectiva, reflexións e propostas prácticas acerca de cales son as competencias que caracterizan a un bo docente de Educación Física na actualidade. Así, debúllanse aspectos referidos á organización e animación de situacións didácticas, á organización da materia desde unha perspectiva inclusiva, a como favorecer a progresión das aprendizaxes, ou á implicación dos alumnos e dos seus pais no proceso de aprendizaxe.

Nas competencias do profesor de Educación Física analízanse cales son as competencias que todo bo docente debe posuír para implementar unha Educación Física eficaz, entendida esta como a capacidade que ten a disciplina para responder aos grandes desafíos da infancia e a mocidade.